Un sitio para correr en Ourense: Paseo do Barbaña

Moi preto do Grelo Hostel hai un paseo fluvial pouco coñecido, moi usado para correr aproveitando o río Barbaña. Pódese ir volver por ambas as marxes do río e é un circuíto de terra ao 90%.

Coñezamos esta pequena xoia de Ourense.

Como chegar ao sitio para correr:

Para chegar ata el, só hai que saír do Grelo, virando á esquerda collendo o canellón e baixar polas escaleiras. Hai que seguir pola rúa Lugo e chegar ao cruzamento coa rúa Progreso. Crúzase polo paso de peóns e continúase pola rúa Marcelo Macías. Ao chegar a inicio da ponte cruzamos alén da rúa  polo paso de peóns e baixamos pola rúa lateral que descende ata o río Barbaña.

Esta é a rúa lateral pola que se baixa ao cruzar a beirarrúa na ponte.

Ao chegar ao río veremos unha ponte e a cada lado o comezo do paseo fluvial. Para comezar  un paseo ou unha carreira podedes coller o camiño que sae á esquerda, antes de cruzar a ponte.

É un circuíto «circular» así que se vai por un dos camiños e vólvese polo outro.

Ao coller o da esquerda, o seu final é unha escaleira moi empinada, sóbese por ela e, ao chegar arriba, vírase a man dereita, baixando por unha costa e chegades xa ao outro carreiro que se atopa na marxe oposta.

Se para iniciar o roteiro, preferistes empezar polo camiño pasado a ponte, chegaredes ao mesmo punto, a esa costa que cando acabe virades á esquerda e baixades pola escaleira para regresar.

Ao longo de todo o traxecto, atoparédesvos con varias pontes para dar a volta antes sen ningún tipo de problemas.

Todo este roteiro que hai preto do Grelo para correr no Barbaña, é de terra e ao longo do río poderedes ver diversa flora de ribeira bastante característica de Ourense e tamén algo de fauna. Dependendo da época do ano será máis ou menos exuberante.

Por unha banda temos salgueiros, amieiros e bidueiros, chopos e plantas de vimbia. Estas son as árbores e arbiusutos máis recoñecibles. E da fauna, o ánade real, que cría no Barbaña, merlos, lavandeira branca, paporrubios, gallineta.

Máis información acerca da nosa fauna e flora na web Rios Galegos

Scroll ao inicio